Monday 16 de September de 2024

A Coruña despediu hoxe a Liga Galega de Traiñeiras coa disputa da Bandeira Teresa Herrera, conquistada polo CR Ares e CR Chapela – Wofco nas augas do Orzán e Riazor


Un total de 22 embarcacións participaron na competición das cales 15 desputaron hoxe a final. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de premios posterior na Finca dos Mariño

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou este domingo na entrega de premios ás e aos gañadores da Bandeira Teresa Herrera de traiñeiras, unha cita clásica co calendario deportivo estival da cidade desde o ano 1986.
O acto, que tivo lugar hoxe ao mediodía na Finca dos Mariño, puxo o peche a dúas xornadas de competición nas augas da enseada do Orzán, onde rematou o curso da Liga Galega de Traiñeiras coa disputa da última proba da tempada, con 22 embarcacións das cales 15 participaron hoxe na procura da vitoria final, entre as categorías masculinas e femininas.
Participaron nas probas a SD Samertolameu, CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, CR Chapela-Wofco, CR Cabo da Cruz, CR Rianxo, CR Mecos, CR Puebla, Mugardos-A Cabana, CRN Riveira, CR Salgado-Perillo, CM Bueu-Simei, CR Cedeira e CR Urme en categoría masculina. Na feminina, saíron ao mar os CR Chapela-Wofco, Mugardos-A Cabana, CR Rianxo, Cesantes-Amegrove-Cefycal, CR Salgado-Perillo, CM Castropol e CR Cabo da Cruz.
As tripulacións gañadoras do torneo foron CR Ares na categoría masculina, cun tempo de 22:24,19;, e o CR Chapela-Wofco na categoría feminina, cun tempo de 25:47,59. Manuel Vázquez destacou a colaboración establecida entre o Concello e a Liga Galega de Traiñeiras para facilitar o desenvolvemento da proba, e destacou a súa importancia na programación deportiva anual da Coruña. “Trátase dunha proba que xa é unha tradición no final das festas de Maria Pita e que congrega a moito público na bahía coruñesa, poñendo en valor o noso paisaxe e espazos naturais” sinalou. O edil explicou que a proba supón un grande impacto en termos de turismo, visitantes e visibilidade, repercutindo nun positivo retorno económico para a cidade.